Saturday 04 de May de 2024

A Xunta avoga por incrementar a presenza da muller no ámbito científico e tecnolóxico de Galicia


A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou nun acto conmemorativo organizado pola Universidade de Santiago con motivo do Día Internacional da Muller

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou que desde o Goberno galego considérase prioritario incrementar a presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxico de Galicia, pois un maior peso das mulleres na investigación contribuirá a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas.

A secretaria xeral participou esta tarde, xunto ao reitor Juan Viaño Rey, no acto conmemorativo organizado pola Universidade de Santiago con motivo do Día Internacional da Muller.

Durante a súa exposición, Abella destacou a necesidade de visibilizar e facer chegar á sociedade as contribucións feitas polas mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía. Así, lembrou exemplos concretos de mulleres que souberon adiantarse ao seu tempo e que abriron camiños a moitas outras como Inmaculada Paz Andrade, María Teresa Miras Portugal, Marisol Soengas González, Carmen Navarro Fernández-Valbuena, Ofelia Rey Castelao, María Tarsy Carballas Fernández, María José Alonso Fernández, Carmen García Mateo e Isabel Aguirre de Úrcola.

López Abella indicou que o compromiso do Goberno galego coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes reflíctese no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 que, ademais de contemplar accións específicas, configúrase como principio horizontal de carácter transversal en todas as políticas e actuacións públicas.

Nesta ámbito a Xunta ten como obxectivo no ano 2016 a elaboración do VII Plan Galego para a Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2016-2020; así como desenvolvemento do II Programa de Muller e Ciencia 2016-2020. E o I Plan Galego de Igualdade no ámbito educativo, que serva de referente a todos os centros educativos para abordar o tema da coeducación e a prevención da violencia de xénero desde unha perspectiva estrutural, integral e transversal.